13 octubre 2012

A ofensiva dos "illuminati"

Artigo publicado en GALICIA CONFIDENCIAL.
Estes días, os medios fixéronse eco dun detalliño do programa electoral do PP que a Confederación Intersindical Galega (CIG) tivo o acerto de introducir no debate aberto co gallo do 21-O.
Se gaña as eleccións, o partido de Núñez Feijóo modificará as normas que regulan a función pública coa finalidade de que os directivos que ocupan responsabilidades de orixe político-partidaria podan se converter en funcionarios de xeito automático: «Se garantirá o acceso e a permanencia nesa carreira de conformidade a criterios obxectivos, así como a posibilidade de promocionar dentro dela», din o programa do grande partido da dereita.
É dicir, os directores xerais, os delegados territoriais e numerosos asesores ou técnicos que teñan sido contratados polo Consello da Xunta (a maioría deles na aplicación de criterios de afinidade e/ou fidelidade partidaria) terían unha especie de «dereito de pernada funcionarial».
Máis claro: No caso dos postos de traballo públicos de alta responsabilidade, que son os únicos que infúen directamente na toma de decisións do poder executivo, non pagará a pena estudar e facer oposicións, pois o camiño máis doado e tamén o máis seguro para obter praza será afiliarse a un partido con posibilidades de goberno, medrar na súa estrutura e gañar a confianza da cúpula da organización. 
Aínda máis clariño: O obxectivo é legalizar os lobis partidistas na Administración.
Ao marxe das consecuencias laborais e tamén do elevado custe orzamentario que tería esa reforma, a iniciativa é un paso adiante dos partidarios de que a xestión do Estado esté nas mans dunha caste de elexidos ao marxe das urnas, o que a medio ou longo prazo pode converter o exercizo democrático de votar nun formalismo de moi reducida repercusión na administración dos servizos e dos bens públicos.
Estas liñas resumen de xeito apresurado e xeral o que en rigor só é unha posibilidade, certo, pois o PP aínda non gañou as eleccións do 21-O e, por outra banda, a legalización dos lobis partidistas na Administración podería ser rexeitada polos tribunais.
Nembargantes, a proposta é tan difusa que precisamente por iso é máis críble, polo que compre tela en conta, non tanto polo que poida pasar despois do 21-O, senón polo que reflicte.
Aquí e agora, na miña opinión, o máis salientable desa iniciativa do PP non é o risco futuro, senón o eficiente traballo de concienciación que coa presentación desa e doutras ideas están a facer as formacións que defenden a infabilidade dos illuminati (ollo!, non só o PP aposta por gobernos como o de Mario Monti).
A dereita do culto Occidente alimenta a "agarofobia" política e a crenza popular de que os mellores gobernos o son por substituir a xestión integral dos servizos e dos bens públicos pola contabilidade: Outro xeito de recoñecer a superioridade "científica" e "moral" do deus Mercados!
Apostar polos illuminati é apostar pola democracia dos contables, tamén chamada "democracia do monopoly", con gobernos de "un só partido" (camiño do partido único?), como están a insistir os homes de Estado políticamente correctos.
A mesaxe é sinxela: A solución aos nosos problemas a teñen os illuminati, porque vostede máis eu non temos coñecementos suficintes para saber o que nos convén…

1 comentario:

  1. Félix te dejo un enlace.
    http://www.somatents.com/maruja-torres-las-redacciones-son-hoy-un-entorno-de-peloterismo-salvaje/#.UHqGXm9LMfT

    ResponderEliminar

NOTA: En ImP no se publicarán injurias ni difamaciones, ni tampoco imputaciones de faltas o delitos sin aportar pruebas, datos judiciales o sentencia.
Sólo se publicarán los anónimos que a criterio del administrador sean de interés.