06 abril 2013

Chipre só é o laboratorio

Os economistas e os analistas políticamente correctos están a destilar un torrente de palabras para explicar o de Chipre, pero a maioría deles limítanse a xustificar a confiscación de parte dos depósitos bancarios que se aplica na illa a iniciativa do Fondo Monetario Internacional (FMI), iniciativa que conculca principios básicos do propio sistema económico.
Por que a institución herdeira dos acordos acadados trala Segunda Guerra Mundial en Bretton Woods está a violar os seus principios fundacionais e fundamentais?
O asunto é grave, pois ao marxe das inadecuacións, aquel pacto aínda é o pilar político-xurídico do sistema económico e financiero internacional.
Desde hai máis de vinte anos, todos aqueles que tiveron responsabilidades no FMI (xunto aos seus colegas do Banco Mundial e das outras organizacións complementarias) teñen comentado que as regras de xogo pactadas no anos 40 do século XX esixen reformas. E despois do estoupido das subprime en EE UU no outono do 2007, as reformas son imprescindibeis para evitar o caos.
De feito, a incapacidade e a falla de vontade para adecuar as regras de xogo á fonda transformación rexistrada nas finanzas internacionais desde os anos oitenta está na orixe de que os activos tóxicos se multiplicaran e infectaran o conxunto do sistema.
..
Reprodución facsímile dunha información datada no ano 2009;
ver: «Activos tóxicos en Europa por valor de 18,4 billones de euros»
As regras de xogo
As normas pactadas en Bretton Woods sufriron varias modificacións, certo, pero sempre foron cuantitativas (por exemplo, as contribucións dos Estados) ou formais (político-administrativas, caso dos procesos de decisión); pero o edificio construído hai case 70 anos sigue en pé… ¡Ata o de agora!, pois en Chipre están a derrubalo.
Ás veces, o FMI e os Estados optaron por esquecer algunha regra. Agora, ao marxe das características da expropiación programada en Chipre, o FMI e o Eurogrupo conculcan unha regra de ouro: respectar a propiedade privada [una cousa é perder cartos nun investimento ou na creba dunha sociedade, sexa financeira ou doutro tipo, e cousa radicalemnte diferente é que o Estado expropie o 20, o 30 ou o 40% dos bens dun particular].
Varios gobernos (co alemán en primeira fila) teñen a coraxe de apoiar a medida patrocinada polo FMI alegando que parte do diñeiro depositado nos bancos chipriotas é de orixe sospeitosa... Como se estivera garantida a limpeza dos cartos mantidos en bancos de Gran Bretaña (illas da Canle e Xibraltar), ou nos de Luxemburgo, Malta e Países Baixos!
Será que os Estados membros do FMI asinaron un acordo secreto precisando como, cando e porque poden ser confiscadas propiedades privadas?
..
Impedir o crac
Por que o FMI aposta polo "roubo"? Ademais das urxencias polas que a UE pecha os ollos, a causa é unha: a negativa a recoñecer e actuar diante do feito probado de que o sistema non pode dixerir os activos tóxicos que acumulan as entidades financeiras. Peor aínda: non só hai activos tóxicos, senón que hai bancos tóxicos (en España, por exemplo, os controlados polo FROB e todos os que precisaron axudas públicas).
Ao mesmo tempo, o pasivo (as obrigas) están aí e medran, de xeito que o FMI aposta por reducir a toxicidade sen contemplacións e se é preciso, “roubará” propiedades privadas (diñeiro) para substituir as que perderon valor no “monopoly” que fixo posible a desregulación.
Chipre é o escenario perfecto para facer un ensaio. Os observadores do sistema toman nota das reaccións institucionais e sociais, pois na UE e fóra da UE hai máis chipres. Un deles é Luxemburgo, cuxo ministro de Asuntos Exteriores, Jean Asselborn, xa acusou a semana pasada ao Goberno alemán de perder a vergoña: «Non é xustificable que co pretexto de resolver problemas técnicos de política financeira se deixe sen alento a un país enteiro».
Dar luz verde á iniciativa do FMI prexudica a seguridade e a credibilidade xurídica dos Estados con máis intensidade que a suma de todas as movilizacións civís anti-sistema celebradas durante o último lustro, motivo polo que en Bruxelas, aínda que o silenzo é norma, funcionarios altos e baixos recoñecen que as e os merkel non traballan para estabilizar a eurozona, senón para protexer o capital.
..
A pasividade de Bruxelas
O 11 de febreiro de 2009, o correspondente en Bruxelas do xornal británico Telegraph, Bruno Waterfield, remitiu unha información que os responsabeis do rotativo mutilaron por razóns e presións facilmente imaxinables. Nembargantes, durante alomenos dúas horas a información estivo colgada na edición dixital, na que Waterfield relatou que un informe da Comisión Europea cifraba xa entón o valor dos activos tóxicos en poder de bancos da UE en 18,4 billóns (con b) de euros [reprodución facsímile do texto publicado no Telegraph na ilustración que acompaña este post].
Despois de catro anos de pasividade, Bruxelas carece de autoridade (nin tampouco a quere ter…) para impedir que o FMI comprobe en Chipre a efectividade das confiscacións e as consecuencias socio-políticas que poden ter. Entrementres, o Goberno de Estados Unidos aplica desde hai xa catro anos no seu territorio medidas socialmente menos traumáticas para reducir a toxicidade…
É evidente que o principal problema político (e polo tanto, tamén económico) dos cidadáns da UE non é que a actual clase dirixente sexa políticamente estúpida, senón que está ao servizo do Gotha.
Os chipriotas son as cobaias do FMI (e do Gotha), do mesmo xeito que os españois preferentistas, hipotecados, desempregados, máis a xeralidade dos afiliados á seguridade social, os asalariados e os pequenos empresarios somos as cobaias do tándem De Guindos-Montoro.
ARTIGO publicado en GALICIA CONFIDENCIAL.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

NOTA: En ImP no se publicarán injurias ni difamaciones, ni tampoco imputaciones de faltas o delitos sin aportar pruebas, datos judiciales o sentencia.
Sólo se publicarán los anónimos que a criterio del administrador sean de interés.