28 abril 2014

O "feísmo" non só destrúe a paisaxe e a natureza, tamén prexudica a economía e mesmo a saúde

O denominado feísmo non é o único problema do urbanismo en Galicia, pero é o máis visible e o máis útil para que os leigos e os pouco instruídos na materia perciban a gravidade desa e doutras perversións.
Á existencia do feísmo contribúen o autoabandono, a desidia e mesmo a débil economía de numerosos autopromotores, entre outras causas de importancia menor.
Mais convén que os cidadáns deixen de enganarse e recoñezan que a orixe da maioría das aberracións urbanísticas está no individualismo e na falla dunha cultura de colectividade, actitude persoal e deficiencia social que teñen fondas raigames na Galicia e que, por riba, algúns están a xustificar con argumentos propios dunha economía de supervivencia que non ten futuro, ou coa teoría dunha suposta mentalidade libertaria.
Dúas frases reflicten a actitude de moitos dos autores de aberracións como a da imaxe que acompaña este texto: Se non o fago eu, o fará outro, e na miña propiedade teño dereito a facer o que me pete.
..
Iniciativas persoais versus
pasividade social e institucional
Carlos Henrique Fernández Coto, arquitecto, urbanista e especialista en rehabilitación, ven de entregar á Xunta de Galicia un documentado informe no que describe de xeito xeral barbaridades que non só destrúen a paisaxe, senón que en numerosas ocasións tamén causan graves danos medioambientais, moitos deles difíciles de paliar e de compeleza e custosa solución
A iniciativa ten importancia sobresaínte por dous motivos: primeiro, porque é a primeira vez que dende a sociedade civil se fai chegar ao Goberno galego un documento que presenta o problema sen dar rodeos nin poñer escusas e, segundo, porque formula unha serie de medidas correctoras para impedir que aumente a xa moi longa lista de desfeitas.
Reducir ao máximo os "monumentos" existentes, mesmo derrubalos, e impedir que se levanten novos monstros é fundamental para o futuro do país galego, non só para respectar ou embelecer paísaxes urbanas e rurais, senón tamén para a economía e para a saúde da flora, da fauna e das persoas.
Desgraciadamente, non todos os medios de información outorgaron ao informe a relevancia que ten e que merece, de modo que achego copia facsímile dalgunhas das propostas.
Fernández Coto é un máis dos galegos, aínda poucos, que ven a realidade que outros non queren ver e que ás veces tentan minimizar con argumentos nos que prescinden dunha condicionante irrebatible: a liberdade e os desexos dunha persoa física ou xurídica xamais xustifican prexudicar á colectividade, ao conxunto do país e á natureza.
[As ilustracións non recollen todas as medidas preventivas e propostas incluídas no informe]  
..
..
..
DE INTERESE
* Conta de Twitter que paga a pena visitar de cotío: @MaltratoPaisaxe;
* "El arquitecto Carlos Coto impulsa una campaña contra el feísmo urbanístco", en La voz de Galicia.

1 comentario:

NOTA: En ImP no se publicarán injurias ni difamaciones, ni tampoco imputaciones de faltas o delitos sin aportar pruebas, datos judiciales o sentencia.
Sólo se publicarán los anónimos que a criterio del administrador sean de interés.