16 febrero 2013

O Consello Europeo aposta pola caridade

Artigo publicado en GALICIA CONFIDENCIAL.

Fixeron falla 26 horas de negociación para que o Consello Europeo aprobara as perspectivas financeiras da Unión Europea (UE) para o período 2014-2020. O presidente da institución, Herman Van Rompuy, anunciou o acordo (só pendente de ser ratificado pola Eurocámara, o que xa está garantido polos grupos Popular e Liberal) é o calificou de "positivo". O seu diagnóstico é lóxico. O que non é políticamente lóxico é que o Goberno de Rajoy xustifique o que en rigor prexudica a España e que, por riba, é outra renuncia ao equilibrio da economía europea e á construción da Europa que deseñaron os arquitectos dos anos cincoenta.
O esperpento é valleinclanesco, pois o Executivo español ven de subliñar que cos novos criterios presupostarios España continúa a ser receptora neta. Eso é falso, pois o acordo non garante esa condición. Se a economía española saíra da recesión (cousa improbábel) e medrara, o saldo podería ser negativo antes do 2020. Ao marxe desa falacia, a valoración gubernamental é moi importante noutro sentido, pois supón o recoñecemento implícito de que as consecuencias da crise terán tan longa duración que a economía española precisará cana durante alomenos sete anos máis.
Segundo os cálculos do tándem Guindos-Montoro, durante o septenio 2014-2020 Madrid recibirá de Bruxelas uns 15.100 millóns de euros, o que representa o 0,2 % do produto interior bruto (PIB) español acumulado durante eses anos, segundo as previsións do FMI.

Pulsar para ampliar
Pechar os ollos é absurdo
Eses 15.100 millóns son a caridade do rico co esmoleiro que pide na porta da igrexa… Un rico parvo!, pois el e o esmoleiro residen nunha casa común e co paso do tempo compartirán o lixo e o cheiro.
Madrid non só fala de millóns coa esperanza de que os cidadáns non fagan unha análise sensata das cifras, senón que ademáis evita falar de que os capítulos nos que os recurtes serán máis fortes son o da Política Agraria Común (PAC) e o de Cohesión, que en comparación co período financeiro que remata este ano (2007-2013) perden 47.500 e 30.200 millóns de euros, respectivamente.
..
O consolo do pobre
Con toda probabilidade Madrid recibirá máis cartos para programas de emprego, sobre todo para combater a taxa de paro entre a poboación activa menor de 25 anos (problema que en Bruxelas xera grande inquietude), pero na opinión da maioría dos analistas económicos non institucionais ese é o consolo do pobre, pois esa e outras melloras puntuais non compensarán as reducións das axudas á economía produtiva, sobre todo no sector primario (agro e pesca, o que terá efectos especialmente negativos en Andalucía, as dúas Castelas, Extremadura, Murcia e Galicia) derivadas do recurte na PAC, nin compensarán tampouco a redución das inversións públicas que provocará a perda de cartos na política de cohesión (neste eido é obrigado subliñar que os novos socios de leste recibirán tratamento especial para mellorar as infraestruturas das comunicacións, no que teñen especial interese os socios máis industrializados e exportadores para mellorar a súa penetración neses mercados).
Se a UE aplicara os criterios da Comunidade Europea dos anos oitenta e primeiros noventa, que nun alto grado aínda foi fiel ao europeísmo orixinal, o lóxico fora aumentar os presupostos comunitarios para compensar as restricións dos estatais, nun exercizo de redistribución que tamén reportaría elevados beneficios ás economías menos danadas pola crise [Alemaña pechou o derradeiro trimestre do 2012 cun descenso do PIB do 0,6%].
.. 
Viñeta de Petar Pismestrovic
Dúas porcentaxes que poñen
o espello diante da realidade
Para ter unha visión máis exacta do recén aprobado polo consello só fai falla unha sinxela comparación:
O total do gasto da UE (axudas, subvencións, inversións, etcétera) durante o período 2014-2020 suporá o 1 % da suma dos PIB acumulados dos vintesete Estados membros, en tanto que o gasto neses mesmos capítulos que fai Estados Unidos equivale ao 25 % do seu PIB (dato do exercizo do 2012).
O obxectivo que guía a política de Washington é dinamizar a economía (gañar competitividade, mover os cartos, mellorar a capacidade de consumo, subsidiar as exportacións, investir en I+D+i e tamén no ensino), e a súa consigna central é unha: crecer!
Pola contra, a UE aposta por manter o reparto rutinario dos cartos, que por riba son poucos. Este lavado de mans no actual escenario é a versión doméstica da política de axuda ao desenvolvemento que Occidente practica no Terceiro Mundo: manter o estatus.
Esa UE cativa, na que os Estados membros remarcan as fronteiras e só axitan bandeiras de egoísmo a curto prazo, non resolve nengún problema e a súa única utilidade práctica é manter viva a crenza de que a construcción europea segue adiante.
..
«Madrecita, que me quede como estoy»
A ledicia amosada polo Goberno español diante dunha Europa que fai o Camiño de Ningures reflicte de xeito case perfecto que o tándem Guindos-Montoro ten renunciado á dinamización da economía produtiva e á revitalización do creto e do consumo, o que imposibilita crear emprego.
Os obxectivos dese tándem son mellorar como sexa (mesmo con prexuizo para a economía real) as referencias macroeconómicas e que o "mellor sistema bancario do mundo" recupere a fama (a lana é outra cousa).
A UE xa non é o que foi, certo, pero esa dexeneración e a crise non son froito da unión monetaria, senón dos sucesivos trunfos (foran partidos conservadores ou socialdemócratas) dos que defenden as políticas desreguladoras e renacionalizadoras en Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia, Países Baixos, etcétera… e tamén España!
A eses trunfos se engadiu a crise financeira que explotou en EE UU a finais do 2007 e que nos anos seguintes deixou espido, entre outros campeóns, ao "mellor sistema bancario do mundo".
Bruxelas ignora a crise e mantén á eurozona nun desequilibrio fiscal que está a empobrecer ao sul e comenza a destruír o sorriso no norte… E os ministros españois agochan a cabeza debaixo da taboa e murmuran "madrecita, que me quede como estoy".
..
ANÁLISIS:
"Presupuesto de la UE 2014-2020: La austeridad necesita del engaño", por Javier Doz, en NUEVA TRIBUNA;
"Portugal vende os seus móveis" (os efectos da austeridade), por François Musseau, en PRESS·EUROP, e
"Nuestra solución para Europa", por Alexis Tsipras (Syriza), en SIN PERMISO.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

NOTA: ImP no publica injurias ni imputaciones de faltas o delitos sin aportar pruebas ni referencias judiciales o sentencia.
Sólo serán publicados los anónimos que a criterio del administrador sean de interés.