Polo de agora, non hai probas de que os Grupos Antiterroristas de Liberación (GAL), que actuaron desde outono de 1983 ata verán de 1987, fosen organizados por orde do entón presidente de Goberno, Felipe González Márquez.
Recentemente, o rotativo La Razón —cuxa liña editorial é ultradereitista e practica o “acoso informativo” contra o actual Goberno— afirmou que documentos desclasificados da Axencia Central de Intelixencia (CIA) dos EUA sinalan o ex líder do PSOE como o “Señor X”, expresión utilizada para referirse ao creador e comandante dos GAL.
Mais unha lectura aséptica —non partidista— deses textos só permite concluír que os analistas e os autores dos “informes de campo” desclasificados en Washington suxiren, insinúan, opinan e/ou teñen a convicción de que despois das primeiras accións parapoliciais o presidente de Goberno xa tivo coñecemento —quizáis directo, vía Rafael Vera— de que os inductores, organizadores e autores materiais dos delitos eran membros do seu gabinete —tanto de primeiro como de segundo nivel—, e militares e funcionarios das forzas e corpos de seguridade do Estado… e o presidente non fixo nada para poñer coto á guerra suxa, concluiron xa entón milleiros de persoas e tamén os analistas da CIA.
Todos os gobernos centrais teñen demonizados os nacionalismos
Chegados a este punto, é obrigado subliñar que nengún medio nin tampouco ningún membro da outras veces vociferante intelectualidade española, manifestou a súa sorpresa pola extraordinaria relevancia outorgada a unha noticia que non é tal… ou seica queda alguén que ignore que os catro primeiros presidentes do democrático Reino de España tiveron coñecemento, máis ou menos detallado, da guerra suxa practicada sistemáticamente contra ETA?… e contra todos os nacionalismos, incluídos os non armados!
O relevante non é que a CIA desclasifique uns papeis que redescubren a sopa de allo, o relevante é a mediática relevancia que se lle outorga ao requetebis dunha hipótese e información archisabidas e vellas.
En rigor, resaltar con foguetes o despacho informativo baseado na desclasificación duns informes da CIA caracterizados porque non achegan nada novo é outro episodio da pugna case permanente que manteñen distintos sectores do “Estado profundo”, básicamente dous: os franquistas e os demócratas; preito que foi agudizado pola policía política de Fernández Díaz e polo comisario Villarejo, a liorta xa navega pola superficie e trala toma de posesión do Goberno de coalición participan case que todos os medios da dereita e as “capelas dixitais” de sempre, con OKdiario á fronte.
O máis rechamante é a actitde dos herdeiros do franquismo
Os GAL e todos os aparellos parapoliciais estiveron protexidos por cargos do Estado, ainda que foran froito da iniciativa e con financiamento privado: Antiterrorismo ETA, Batallón Vasco-español, Comandos Antimarxistas, Grupos Armados Españoles, Triple A, etc.) sempre son empregados como arma arreboladiza pola dereita, o cal é paradoxal e revelador.
Nos anos noventa, cando se ventilaron e xulgaron algúns (non todos) dos delitos perpetrados polos GAL, a dereita e os seus medios utilizaron os datos e as invencións “filtradas” —sobre todo tralo descubrimento dos cadáveres de Lasa e Zabala— para tombar o PSOE de Felipe González e propiciar a irrupción de José María Aznar.
O PSOE do 82 estivo tentado de responder á dereita sacando a relucir as barbaridades da guerra suxa practicada polos gobernos de UCD (as desaparicións de Naparra e Pertur, os atentados contra Argala, Peixoto e outros refuxiados), que foron organizados desde ou por membros do aparello do Estado, pero o felipismo contívose.
Non en balde o PSOE é o partido que achega o ingrediente que máis contribúe ao éxito da Transición: prolongala canto sexa posible; ou sexa, non acabala, o que implica esconder ou disimular as cloacas e as augas, o que explica, entre outras cousas, que as torturas de Bili el Niño e a morte de Antonio Ruano sexan auga pasada que non debe mover muíño.
A dereita tampouco cambiou, tira o lixo á rúa cada vez que o centro esquerda (con ou sen o concurso da esquerda) dá pasos cara adiante.
«Felipe González podería ser o ”Señor X”», insinúan, suxiren ou intúen desde hai xa un cuarto de século analistas de todas as escolas e decenas de miles —seica millóns— de cidadáns, e agora resulta que na CIA tamén hai quen opina o mesmo.
Artigo publicado en adiante.gal > > >
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NOTA: ImP no publica injurias ni imputaciones de faltas o delitos sin aportar pruebas ni referencias judiciales o sentencia.
Sólo serán publicados los anónimos que a criterio del administrador sean de interés.