03 febrero 2024

Ana Isabel Rodríguez reivindica "a orixinalidade e a creatividade fronte a tanta IA"

Reprodución da entrevista a Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación (USC), publicada no número 27 de CHÍO. Revista Cultural Digital, que coordina e dirixe: Melina López.

P. Que pregunta lle gustaría que lle fixese?
R. Seguro que o apropiado sería propoñer unha das que se coñecen como preguntas poderosas ou intelixentes. Pero decántome por unha pregunta moi sinxela que para min plantexada con moita sinceridade, agarimo, e mirando aos ollos da persoa, pode ter un importante significado: como estás?

E cal sería a resposta?
Gustaríame respostar: ben, con saúde, amizades, traballo e tempo. Lamentablemente, isto último escasea na actualidade, pero confío en recuperalo pronto.

Unha película? 
Como filla de Carlos, que logo da Semana de Cine de Lugo impulsou tamén o primeiro videoclube da cidade, tiven o privilexio de poder estar en contacto co cine desde nena. Por iso, cóstame moito decidir un só título. Pero voume decantar por Todos los hombres del presidente. Teño que recoñecer que a vin infinidade de veces. 

Un actor?
Rob Lowe.

Unha actriz?
Barbra Streisand.

Un libro? 
Neste caso a elección tamén é ben difícil. Se antes aludía ao privilexio de ter sido filla de Carlos, no que implicou disfrutar do cine desde que teño uso de razón, no caso dos libros teño que lembrar a importancia de miña nai, Mª José (Pepita), cando me puxo na man dous libros que sempre lembrarei: Nanas de la cebolla, de Miguel Hernández, e os anuarios Sonobox, que é unha colección de publicacións que recollían as efemérides do mundo e de España en distintos volumes organizados por décadas, e se consideraban nos anos 80 a primeira enciclopedia falada. Máis adiante, entre os libros que eu xa puiden elexir, custa moito decidir. Pero decantareime tamén por un que deixou unha fonda pegada en min sendo adolescente: Paula, de Isabel Allende. Pero tamén tiven o privilexio de asistir a un colexio onde, nos anos 70 e primeiros 80, aínda na ditadura e antes do recoñecemento do Estatuto de Autonomía, nos achegaron ben á cultura galega. Neste contexto, destaco o meu descubrimento de Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo. E xa no plano xornalístico, seleccionaría os libros dos grandes do Novo Xornalismo (Kapote, Wolf...) pola vixencia que volven ter no contexto actual, como tamén algunhas entrevistas de Oriana Falaci

Un autor?
Os/as anteriores.
 
Un articulista?
Francisco Umbral.

Un político?
Castelao e Clara Campoamor.

Un tempo? 
O Romanticismo, polo que implica de valoración do diferente fronte ao común, da orixinalidade e a creatividade, o que me parece importante reivindicar nestes tempos de tanta IA. 

Un taco?
Nunca me saen. 

Que lle molesta?
A deslealdade. 

Alguén ou algo despreciable?
A inxustiza.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NOTA: ImP no publica injurias ni imputaciones de faltas o delitos sin aportar pruebas ni referencias judiciales o sentencia.
Sólo serán publicados los anónimos que a criterio del administrador sean de interés.