04 abril 2012

O lume nas fragas do Eume reflicte a autodestruzón de Galicia

Hai un tempo, co gallo das inundacións de Cee ou cando se mobilizou un grupo de veciños de Valdoviño que protestaran pola suba do nivel das augas da lagoa da Frouxeira, eu fun un máis dos que mantiveron a tese de que á sociedade galega lle importa ben pouco a destruzón da natureza.
Proba dilo --entre outras cousas-- é que as rías meten medo, aínda que algúns as pinten de cores por razóns electorais ou polo tradicional veciñismo do país...
O parque natural das fragas do Eume, onde estes días rexistróuse un incendio, outro máis e tamén provocado, é a excepción, cicáis porque as fragas foron convertidas nun icono nacional polos membros das organizacións ecoloxistas; cidadáns estes aos que a sociedade galega lles debe máis do que ten recoñecido.
Nembargantes, a xeralidade dos bosques e do rural galegos sofren un abandono que, por unha banda, reflicte o baixo grao de respecto que a maioría dos dirixentes económicos, sociais e políticos teñen polo propio país e, aínda que sexa difícil recoñocelo, tamén amosa o desinterese da maioría dos galegos pola conservación da nosa terra --o uso tan xeralizado do adxectivo posesivo nosa merecería unha análise desapaixoada...
Hai un tempo, en resposta á carta dun amigo pontevedrés residente en Bruxelas, escribín o seguinte:
..
«Sei perfectamente que en Pontevedra hai unha notable mobilización social a prol de retirar a industria de celulosa [Ence] da ría, pero hai moitos máis milleiros de veciños da cidade do Lérez e de Marín partidarios de deixala por motivos económicos --aínda que pouco rigurosos e moi persoalizados--, pero tamén porque para ese sector social o equilibrio ecolóxico da ría é un asunto menor... Estes cidadáns mal informados e ensimismados máis os que pasan, son maioría absoluta.
«A ría de Vigo é un vertedorio e a de A Coruña, outro.
«Na de Arousa a forte presenza de metais pesados é inquietante.
«Na de Muros-Noia están a desaparecer os bancos de berberecho máis fertis do mundo --e non son xentes estranxeiras as que están a destruílos!...
«Na ría de Ferrol a instalación de Reganosa só ten mobilizado a uns centos de cidadáns.
«Na de Viveiro os recheos xa estragaron a mitade da superficie da ría do Landro, mesmo edificáronse máis de douscentas vivendas nun recheo pagado con cartos públicos que o Tribunal Supremo ordenou derrubar pero que seguen alí, como testemuña de que a lei, o urbanismo racional e os valores ecolóxicos son papel de fumar.
«Na de Ribadeo, a consellería do inesquecíbel Xosé Cuiña fixo un recheo co apoio expreso do rexidor do BNG [Eduardo Gutiérrez, que despois foi nas listas do PSOE] pesei que a obra non tiña xustificación. Hoxe, o recheo sostén unha infraestrutura inutilizada que só ten servido para destruír un pouco máis a saída ao mar do Eo.
«Etcétera, etcétera...
«Sei que hai cidadáns que se opoñen á destruzón das rías, pero a maioría dos galegos pasan!
«A expresión se non fago eu, o fará outro trunfa no país desde hai moitos anos.
«Se as leis deixaran constuir nas praias, milleiros de galegos o farían, outros o xustificarían diciendo que se é legal, fan ben; outros o criticarían porque eles non poderían facelo e unha minoría, só unha minoría!, se mobilizaría na contra desa barbaridade.
«Neste país moitas voces esixen un AVE que tal como está deseñado é económicamente insostible e terá que ser subvencionado cos cartos de todos os contribuintes, pero ao mesmo tempo a maioría ten aceptado en silenzo que as áreas periurbanas de Vigo-Pontevedra e Coruña-Ferrol carezan de transportes públicos intermunicipais utis e eficientes.
«Feitos a gastar cartos públicos en grandezas mantemos tres aeroportos internacionais deficitarios, librando cada ano millóns de euros ás compañías aéreas; estamos a pagar unha cidade da cultura propia dun país que ten pozos petrolíferos, dispoñemos de peiraos que no seu conxunto suman máis metros de amarre que o porto de Róterdam pero teñen menos do 10 % de tráfico que o holandés e, por riba, nunha elevada porcentaxe eses peiraos están adicados a chalanas que teñen amarre subvencionado ou gratuito pesei non xenerar retorno económico algún, ademáis das inversións que só serviron para dar servizo aos barcos de recreo da elite.
«¿Que non é xusto dicir que os galegos pasan?... Non sei se é xusto ou non, pero o certo é que a maioría dos galegos ven destruír o país e calan.
«¿Que motiva esa actitude? 
«Hai estudos económicos, políticos e psico-sociolóxicos que son impublicabéis... E outros estudos, aínda que son menos brutais pero máis rigurosos e alarmantes, non se publican porque convén manter a crenza popular de que Galicia é un país idílico
«Hai quen considera que as 8.000/10.000 persoas de menos de 35 anos de idade que cada ano deixan Galicia (dato referido ao periodo 2000-2010) é froito de que sobran forzas produtivas... Ou ao espíritu aventureiro dos pobos celtas. Mellor no facer comentarios.
«Para a élite, só para ela, é moi rendible que a sociedade galega se sinta mártir dunha confabulación case que planetaria.
«En tanto a xeralidade dos galegos se consideren vítimas de agresións forasteiras ou estranxeiras, mellor... ¿Para quen? Espero a túa resposta. Unha aperta».
..
E estes días, o lume que ten destruído un anaco das fragas do Eume ven de provocar reaccións tranquilizadoras que confirman, outra vez, que o proceso de autodestruzón de Galicia segue adiante.
..
DE INTERESE:
"Quen quere aforrar cartos en protexer a terra ten responsabilidade", en PRAZA PÚBLICA. 
"O nacionalismo ante o fracaso da austeridade", por Ana Pontón, en TERRA E TEMPO.
"Os parados de longa duración triplícanse con Feijóo na Xunta", en PRAZA PÚBLICA.
"As Fragas do Eume", en SERMOS GALICIA.
.. 
CON ANTERIORIDADE:

No hay comentarios:

Publicar un comentario

NOTA: ImP no publica injurias ni imputaciones de faltas o delitos sin aportar pruebas ni referencias judiciales o sentencia.
Sólo serán publicados los anónimos que a criterio del administrador sean de interés.